Cartelle acolle un encontro da Comisión Executiva do Fondo Galego coas defensoras centroamericanas de dereitos humanos

Fondo Galego de cooperación en Cartelle

01 Oct Cartelle acolle un encontro da Comisión Executiva do Fondo Galego coas defensoras centroamericanas de dereitos humanos

O Concello de Cartelle foi escenario este 30 de setembro dun emotivo encontro entre a Comisión Executiva do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e tres lideresas de Centroamérica que participan no programa Galicia Abriga, unha iniciativa de acollemento temporal para mulleres defensoras de dereitos humanos.

As activistas —Milagro Alvarado (El Salvador), Juventina López e Ana Donis (Guatemala)— compartiron os desafíos que enfrontan nos seus países pola súa loita pola igualdade, a xustiza e os dereitos das mulleres e pobos indíxenas. Durante tres meses, poderán descansar e fortalecerse en Galicia para continuar co seu labor á volta.

O encontro contou coa presenza dos alcaldes e representantes de Nigrán, As Neves e Cartelle, así como doutros representantes do Fondo Galego, que previamente celebraran unha reunión para facer seguimento do seu plan de actividades. Entre outros temas, abordáronse os proxectos internacionais en marcha e as vindeiras accións de formación e sensibilización.

O programa Galicia Abriga está impulsado pola Coordinadora Galega de ONGD co apoio do Fondo Galego, que destina 10.000 € a esta iniciativa solidaria.

O Fondo Galego está formado por 118 concellos, entre os que está o Concello de Cartelle representado polo concelleiro Daniel Fernández Carril, e as catro deputacións, promovendo desde hai 28 anos a cooperación ao desenvolvemento e a solidariedade internacional desde o municipalismo galego.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, acepta el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Ver
Privacidad