Cartelle é un dos municipios ourensáns regados polo río Arnoia, emisario pola esquerda do Miño. Abarca unha extensión de 93,94 quilómetros cadrados, encadrándose no extremo sur occidental da Depresión de Ourense que forma un amplo chanzo intermedio entre o Val do Miño ao norte e as altas terras do sur da provincia.
A historia de Cartelle lévanos ineludiblemente a falar de Celanova e o seu mosteiro en benedictiño que, xunto a outros, exerceron gran influencia e foron os motores da economía da Galicia rural na Idade Media.
A xurisdición do mosteiro estendíase por toda a comarca e amplas zonas da provincia e de fóra dela, establecendo priorados que recadaban rendas.
Na zona próxima ao Miño, os monxes estimularon o cultivo do viñedo. Proba da súa influencia son as ruínas do antigo castelo de Sande, que foi cedido ao mosteiro por Alfonso VII no século XII. O abade do mosteiro acumulou varios títulos; conde de Bande, marqués da Torre de Sande e capelán da Casa Real.
O territorio é unha superficie de erosión desenvolvida entre as máximas alturas, situadas no extremos noroeste, Coto de Novelle de 718 metros e nordés Alto do Castro con 635 metros. Ao sur, o Val do río Arnoia é a unidade xeográfica fundamental cara ao que aflúen numerosos emisarios.
Trátase dun terreo escarpado e alterable, polo que os procesos de erosión evidéncianse na paisaxe; a abundancia de cursos de auga compleméntase cunhas multiplicidades de lombas e suaves montículos distribuídos por todo o territorio.
Os afloramentos de granito nas proximidades do municipio de Arnoia, favorecen ao encaixe do río, debuxando, en consecuencia, un val profundo e pechado de valor paisaxístico.
A zona está cuberta no seu maior parte por un tapiz forestal a base de coníferas. No medio aparecen pequenos “illotes” de terreo cultivado alternando con pastos que, en moitos casos, circundan os núcleos de poboación máis importantes.
Sobre a súa situación económica é importante que a forte tradición migratoria de hai algúns anos aínda se mantén. No ano 1950, o municipio case alcanzaba os nove mil habitantes. Desde entón, as saídas foron continuas pero, cada vez máis, establécense movementos diarios de traballadores que se ocupan preferentemente no sector dos servizos da capital ourensá.
Cartelle é un dos municipios que conta con maior superficie de concentración parcelaria da Comarca. Isto explica a existencia dunha gandería máis evolucionada e cunhas explotacións que son as de maior dimensión.
Polo demais, algunhas empresas da construción e o aproveitamento dos recursos forestais completan o panorama socioeconómico do municipio. Conta cunha abundante superficie de monte comunal, Coto do Castro, susceptible dunha intensa repoboación forestal.
O río Arnoia, que baña todo o sector meridional do municipio, ademais dunha paisaxe silvestre e frondosa, ofrece a posibilidade de practicar o deporte da pesca.