31 Xul Mellora do acceso aos Calvarios de Santa Baia
Na parroquia de Anfeoz, Concello de Cartelle, contamos cun calvario rodeado de 5 cruceiros que recibe o nome de Os Calvarios. Esta agrupación de cruceiros emprázase nun camiño que dá na estrada entre Soutelo e Anfeoz.O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta mañá, acompañado do alcalde, Jaime Sousa, o remate das obras de mellora do acceso a este enclave dos Calvarios de Santa Baia, ás que a Axencia Turismo de Galicia destinou 30.000 euros ao abeiro das achegas da orde de Infraestruturas Turísticas na edición de 2024.
Manuel Pardo destacou que esta orde procura a posta en valor turístico dos recursos dos municipios beneficiarios a través da súa rehabilitación ou restauración para dedicalos a usos turísticos, así como coa recuperación de elementos etnográficos ou da arquitectura tradicional. Ademais, apoia a mellora da accesibilidade a estes recursos coa eliminación de barreiras arquitectónicas e da súa sinalización con elementos integrados de forma respectuosa coa contorna.


