22 Mai O Fondo Galego de Cooperación, no que participa o Concello de Cartelle, supervisa en Guinea-Bissau os proxectos de auga e saúde
Representantes da asociación municipalista e dos concellos de Nigrán, Cartelle e Cuntis afianzan a colaboración co goberno rexional de Cacheu
Unha delegación do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade áchase desde a pasada fin de semana en Guinea-Bissau para supervisar os proxectos apoiados no país lusófono en materia de saúde e obtención de auga potable. O presidente da entidade e alcalde de Nigrán, Juan González; o vicepresidente e edil de Cartelle, Daniel Fernández, e mais o vogal e alcalde de Cuntis, Manuel Campos, acompañados por unha responsable técnica, aproveitarán tamén para a fortalecer a colaboración goberno da Rexión de Cacheu, socio local nos cinco proxectos financiados cun total de 72.000 euros. A visita finalizará o 25 de maio, coincidindo co Día de África.
A cooperación directa do Fondo Galego en Guinea-Bissau botou a andar no ano 2020, co obxectivo de reforzar a capacidade de resposta á pandemia, dotando de materiais de hixiene e protección á poboación desfavorecida a través dos 22 centros sanitarios de Cacheu (máscaras, lixivia, xel hidroalcólico, etc.). Ao mesmo tempo, distribuíronse 12.000 quilos de arroz para paliar a inseguridade alimentaria. Unhas 40.000 persoas resultaron beneficiarias destas accións, nas que se implicaron máis de setenta voluntarias e voluntarios que tamén concienciaron sobre as medidas de prevención fronte a Covid-19.
En 2022 levábase a cabo na rexión outro dos proxectos na área de saúde, concretamente para mellorar a calidade do tratamento materno-infantil en cinco infraestruturas sanitarias que atenden preto de 85.000 persoas. Deste xeito, instaláronse unha ducia de camas hospitalarias e adquiríronse equipamentos como ecógrafos, aspiradores, esterilizadoras, básculas, etc., alén de prover de electricidade e auga aos centros que carecían delas.
Nos primeiros días da visita, a delegación do Fondo Galego xa puido coñecer varias destas instalacións sanitarias e reunirse con autoridades tanto de Cacheu como de distintos sectores administrativos nos que se estrutura a rexión. Esta tarde desprazaranse á Illa de Pecixe, onde se desenvolveron os tres proxectos para a dotación de auga potable financiados desde 2021 e dos que se beneficiaron máis de 550 familias que viven practicamente illadas nas comunidades de Cassaca, Reno e Pessangue. Todas as actuacións contemplan a construción dun pozo cun depósito de 4.000 litros e unha motobomba alimentada por paneis solares, xunto coa canalización cara as fontes comunitarias, amais da sensibilización sobre hábitos hixiénicos e sobre o emprego correcto deste recurso. Búscase reducir así os problemas de saúde derivados da insalubridade da auga e mais os esforzos físicos realizados por parte das mulleres e a rapazada, que adoitan encargarse de recollela.
A axenda en terreo continuará mañá mércores no Parque Natural dos Tarrafes do Río Cacheu, onde a comitiva coñecerá o programa de reforestación dos mangleiros. A finais de semana manterán asemade xuntanzas con representantes do goberno central e da Embaixada de España en Guinea-Bissau. Con toda a información recompilada sobre as principais necesidades e demandas na zona, decidiranse os futuros proxectos cos que o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade apoiará o desenvolvemento do país africano.
Un dos países máis empobrecidos
Se ben a República de Guinea-Bissau vén experimentando certo crecemento grazas á subida de prezo do anacardio -a súa principal exportación-, a inestabilidade política ten sido un grave condicionante para o seu desenvolvemento. A isto súmase a destrución do tecido económico e social na guerra civil de 1998, cuxas consecuencias perduran hoxe en día, situándoo entre os dez países máis pobres do mundo. O PIB per cápita é de 753€, mentres que a esperanza de vida se acha nos 58 anos. No entanto, a riqueza natural e cultural de Guinea-Bissau supón un gran potencial e existen iniciativas locais desde as que se loita por reverter a situación.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 108 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur Global e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Recoñecido como axencia municipal da cooperación galega, o Fondo Galego vén de cumprir 26 anos tendo apoiado uns 200 proxectos en máis de trinta países e promovendo numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur e a Axenda 2030.