15 Feb Proxecto de recuperación dos terreos da Asociación de Comuneiros de Nogueiró
O alcalde, Jaime Sousa, e unha representación da Asociación de Comuneiros de Nogueiró, foron recibidos polo conselleiro de Medio Rural, José González.
O propósito deste encontro foi a posta en común dun proxecto de dinamización dos montes pertencentes a esta comunidade, coa rexeneración dos pastos para a explotación gandeira, establecemento de áreas de cultivo, plantacións de castiñeiros, entre outras accións, que estimulen a economía da zona e axuden ao asentamento poboacional no noso rural.
O alcalde e o conselleiro, analizaron tamén a situación actual da reorganización parcelaria, concretamente a que afecta a Santa Baia de Anfeoz, que actualmente está na súa fase final.
Outro tema que se puxo sobre a mesa, foi a petición de construción dunha ponte entre San Martiño e Cartelle, que melloraría substancialmente as comunicacións do concello. O conselleiro, José González, comprometeuse a estudar esta posibilidade.